CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

Máis alá


8235 votos
Votar | | | |


15-09-2011

Nel Vidal: "Anxo Lorenzo só pode dimitir, perdeu a pouca credibilidade que tiña". Entrevista en Xornal.com

Nel Vidal Barral, presidente da CTNL
O presidente da CTNL define nunha entrevista en Xornal.com o ano 2011 como "un ano dramático para a lingua" que culmina coa eliminación das axudas á promoción local do galego


Xornal.com publicou o día 14 de setembro esta entrevista ao presidente da CTNL, Nel Vidal, a propósito da suspensión por parte da Xunta das axudas aos concellos para o fomento do galego.

Reproducimos aquí a entrevista completa:

Nel Vidal (Ribeira, 1980) é dende 2007 o presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL). Esta asociación enviou a semana pasada un comunicado no que esixía a dimisión inmediata de Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística, tras coñecerse que o seu departamento suspendía as axudas para a promoción e fomento da lingua nos concellos. Para Vidal, o secretario xeral xa non ten "credibilidade" e considera que a súa marcha é a única saída que lle queda. Ademais, Vidal afirma que o ano 2011 está a ser "un ano dramático para a normalización lingüística" e que as axudas para o fomento do galego nos concellos pasaron de 800.000 euros en 2008 aos 420.000 euros de 2011, ano no que por vez primeira en dúas décadas estas subvencións quedan anuladas.

No comunicado que enviou a Coordinadora a semana pasada sinalábase que a suspensión destas axudas podía supoñer a desaparición dos servizos de normalización lingüística en varios concellos. De cantos técnicos podemos estar a falar?

Non podemos precisar a cifra exacta, pero esperamos que sexan os mínimos posibles e que, a poder ser, non haxa ningún despedimento. Pero as consecuencias son moi graves. Por un lado, a Xunta anunciou que van sacar as axudas de novo con cargo a 2012, pero como é lóxico os concellos non investiron este ano os cartos que aínda non lles concederon. Facelo sería unha irresponsabilidade. Irresponsabilidade que, por outro lado, cometeu a Xunta co Fondo de Compensación do Estado. Esa irresponsabilidade foi a que nos levou a esta situación. Se neste 2011 non se van conceder esas axudas para a normalización, os propios concellos non van levar a cabo actividades de normalización con cartos que lles vaian dar, supostamente, en 2012. É totalmente imposible. Aínda que a Xunta lles deixe xustificar gastos a cargo de 2012, xa é tarde. O ano está perdido. Toda esta situación lévanos a que moitos concellos estivesen agardando pola resolución das subvencións para levar a cabo actividades de normalización e mesmo para contratar técnicos. Se non hai resolución, como non vai haber neste ano, nin haberá actividades nin contratación. Os concellos mantiveron contratos de técnicos de normalización esperando que chegasen estas axudas que, finalmente non vai haber. É posible que moitos consistorios acaben por prescindir dos técnicos. Dende a Coordinadora, pedímoslles aos concellos que fagan un esforzo para manter estes postos de traballo

No seu comunicado, a Coordinadora denunciaba que esta liña de axudas descendera considerablemente nos últimos dous anos, dende que o PP chegou ao Goberno. De que cifras estamos a falar?

Os cartos que lle dedicou a Xunta en 2008 foron 800.000 euros e agora falamos de 420.000. O ano pasado foran 600.000 euros. Agora estamos xa coa desaparición total destas axudas. As consecuencias que podemos ver é que agora hai menos concellos con servizos de normalización lingüística que en 2008 e os que hai son financiados en moitos casos pola Deputación da Coruña, non pola Xunta. Nestes momentos non sabemos que vai pasar o ano que vén coas axudas da Deputación, polo que as consecuencias poden ser aínda máis dramáticas.

A Coordinadora pedíralle a Política Lingüística nas últimas semanas información ao respecto destas axudas cuxa convocatoria se fixo en marzo. Vostedes acusan a Xunta de negarse a facilitar información ao respecto. Que pasou?

Non contestaron as nosas preguntas, nin sequera nos deron respostas de cordialidade. Reclamamos información ao correo xeral de Política Lingüística. Ao ver que non respondían, decidimos comunicarnos coa xefatura de gabinete, coa subdirectora xeral de Política Lingüística e tamén co propio Anxo Lorenzo. Isto dende o mes de xullo. Nin sequera tivemos unha mínima contestación de cordialidade. É incrible e inaudito, xa que sempre houbo un contacto normal. Un contacto como o que ten que haber entre o departamento de Política Lingüística, responsable de coordinar os servizos de normalización, e a entidade que aglutina os traballadores de normalización lingüística.

É o 2011 un ano perdido no ámbito da promoción da lingua nos concellos?

Poderíase definir directamente como un ano dramático. Oxalá fose simplemente un ano perdido! Pero cando os retrocesos son tan grandes e non se toman un mínimo de medidas, estase a producir un grave retroceso. É un ano dramático con consecuencias que estamos vendo e sufrindo. Neste sentido, hai que engadir que tamén resultou vergonzoso e impresentábel que o señor Anxo Lorenzo estivese dous anos presentando a Rede de Dinamización Lingüística ao mesmo tempo que se reducían as axudas aos servizos de normalización. Ao final mesmo chegamos á suspensión total das axudas. É incoherente que se presente esa rede e que se fomente que pechen os servizos de normalización, porque iso é o que está a pasar. Ademais, os concellos foron chantaxeados por Política Lingüística coas axudas deste ano que finalmente non se van dar. Foron chantaxeados, porque nunha das bases se recollía que aqueles concellos que se unisen á rede ían recibir máis cartos. E agora suspéndense as axudas! Os concellos que caeron nesa chantaxe deberon quedar con cara de parvo. Anxo Lorenzo perdeu xa a escasa credibilidade que tiña, xa non é o interlocutor válido para representar a administración autonómica neste eido. Só ten unha saída: dimitir. Se está de acordo con que a Xunta anule estas axudas, ten que marchar. Se non estaba de acordo e as anularon, ten que marchar. Lorenzo só pode dimitir.

Precisamente Anxo Lorenzo cualificou de "noticia lamentable" que o seu departamento tivese que eliminar esas axudas e culpou o Estado. Válelle esta explicación?

É unha explicación ridícula. A competencia de normalización lingüística e a responsabilidade de fomentar a lingua na administración local son do Goberno autonómico. Se a Xunta non soubo facer ben as contas ou incluíu no apartado de ingresos cartos que non tiñan, é culpa dos malos xestores da administración galega. Que non lle boten a culpa a ninguén e, sobre todo, que non llo fagan pagar a lingua.

NOVAS RELACIONADAS

Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023 2024

Avisos

    mes anterior
    Maio de 2024
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
        1 2 3 4 5
    6 7 8 9 10 11 12
    13 14 15 16 17 18 19
    20 21 22 23 24 25 26
    27 28 29 30 31   
    Próximos eventos

    • Asociate á CTNL
    • Agasallo. Propostas de regalos en galego
    • LGx15
    • Premios Mil Primaveras
    • Viveiro de propostas normalizadoras
    • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
    • Envianos
    • Canles de novas da CTNL
    • Facebook da CTNL
    • Twitter da CTNL
    • Instagram da CTNL
    • Kit para a normalización en rede
    • Proxector
    • Queremos Galego
    • Eu.gal: Por un dominio galego